O BNG de Barreiros acusa ao PP local de buscar que se oculte o seu “desfalco”

Os nacionalistas lémbranlle ao PP que "as denuncias falsas deben ser así denominadas por un xulgado".

Candidatura do BNG de Barreiros, liderada por Ana Ermida. AXM

O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros pídelle ao Partido Popular nun comunicado, que “deixe de mentir e enlamar a vida municipal, despois de ter deixado un concello saqueado do que o máximo artífice fuxiu en canto viu que non lle seguía sendo de utilidade ser cargo público”.

O BNG barreirense considera lamentable que “sexa esta persoa quen continúe marcando a liña política dos que quedan no grupo popular (tres persoas que asistiron ao último pleno) facendo que a súa política estea inzada de rancor e mentiras.”

Toda a veciñanza está esperando que fagan algunha proposta para algo, mesmo as que anuncian e caen en saco roto, porque demostran unha vez máis a súa incapacidade e a súa falta de interese polo ben público; como xa fixeron cando gobernaron”, declaran os nacionalistas.

Os nacionalistas lémbranlle ao PP que “as denuncias falsas deben ser así denominadas por un xulgado”. Engaden a isto último que nunca existiron denuncias xudiciais do BNG, porén, “quen si que acusou ao antigo goberno foi a Fiscalía, en base a cuxas acusacións se desenvolveron os procedementos xudiciais”.

“Están tan afeitos a mentir e que lles sirva para quedar contentos, que ata falan de denuncias da actual alcaldesa e dos concelleiros, cando nin unha nin tres cuartos dos outros formaban parte da corporación municipal naquel momento no que se abriron dilixencias, insistimos, con acusacións da Fiscalía” insisten desde a formación nacionalista en Barreiros.

Por último, o BNG barreirense sinala que analizarán “as consecuencias que poidan derivarse destas mentiras, que rozan a calumnia e a difamación, a sabendas de que non son certas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here